A tarde é unha indecisión
en que o silencio prende
e afunda raíces longas
como os brazos meus cando te buscan
en balde polo pasado adiante.
A tarde é un corpo puro
en lascas aberto e espido
coma a carne que nun peixe
ben cocido irisou e sorriu no prato
antes que o dente lle estragase a alma.
A tarde es todo ti porque te penso,
como te penso á mañá e á noite
en todo canto é pensamento,
como te leo en cada instante
ou cada flor que se me descobre.
A tarde é o principio dunha
tecla que nunca será de piano
nin na cor, nin no tacto, nin no son,
só boca que medra na medida
do oco que grita co sabor enteiro (dentro).
A tarde é o círculo que cingue
as ansias absurdas dun disparate
pendurado no milagre rebelde
en que ninguén máis acredita
porque é feito de terra e ósos.
A tarde é este elo que non nos ceiba,
este cativerio sitiado de ausencias.
1 comentário:
Estas tardes são uma vida inteira...
E as noites também.
E as manhãs...
Enviar um comentário