quarta-feira, 24 de julho de 2019

Cheira que alimenta

Estou convencida de que cando Cristo fixo o milagre de multiplicación dos peixes, eran sardiñas asadas. Só co cheiro que che queda nas mans aliméntase unha familia durante unha semana.

sábado, 13 de julho de 2019

Do pato ao gato en sentido lato

Onte á noite a neveira estaba en alerta vermella. O derradeiro tomate, o derradeiro iogur, o derradeiro anaco de queixo. Así que pensei, mira ti, que mellor ocasión que encetar aquela latiña de paté de pato (unha, cando ten o corpo poético, merca máis pola aliteración que polo contido) que leva meses na despensa. Total que abrín a lata e, de pronto, pensei, cagonodemo, que isto cheira á comida de can, aquí hai algo que non vai ben. E moito-moito, xa vos digo, non me enganei.









Non creo que unha imaxe valla máis que mil palabras, pero sei que vós sodes coma san Tomé e tedes que meter o dedo no paté.

#incapacitaciónlegalávoltadoverán
#istoaminqueningatosteño
#o que non vai ben son eu

Pásame por non ter tele

Se vedes que non dou sinais de vida nun tempo, chamade os bombeiros para que boten a porta abaixo antes que me coman os cans. O máis probable é que quede idiotizada polo fondo de pantalla con burbullas que lle acabo de pór ao ordenador.