sábado, 18 de janeiro de 2020

Influenceira

Hai pouco, un benquerido amigo ao que moito descoñezo e nada ignoro --tradutor, meu pobre-- comentoume que despois de falar comigo (de tradución, of course, que «iso» e os cans son os únicos temas dos que falo sen medida e con entusiasmo), mudara, para ben, de actitude cara ao seu traballo, que consistía, en xeral, en reconverter no prazo debido trapalladas escritas cos pés (e non se me ofendan os que a falta de mans recorren a tan nobre parte do corpo para executar pezas maxistrais ao piano ou pintar murais, que o meu é metáfora) en textos lexibles que ninguén vai saber apreciar, adornándoos de exabruptos e xuramentos varios mentais.
Que nada, que estou pensando en facerme gurú-influenceira para #translatorsthatfeelsomiserable

quinta-feira, 16 de janeiro de 2020

Ventada

A onde van as follas que leva o vento? Haberá algún lugar onde os calcetíns desemparellados e as follas secas das árbores se xunten? Fago esta fonda reflexión a raíz (hehe, pilládelo, alpabardas?) do vendaval que asola o meu eido estes días. Cada inverno, con máis o menos intensidade, vén o vento e leva as follas, pero non me deixa follas doutros eidos, que sería, de seu, o lóxico. A non ser, claro, que todo o mundo apañe as follas secas menos eu. Que pode ser, porque hai moita xente á que lle encanta facer traballos inútiles (e contraprodutivos, diría). Como se explica, se non, a abundancia de poetas e a ausencia de follas secas no meu eido?