Mostrar mensagens com a etiqueta fariña. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta fariña. Mostrar todas as mensagens

domingo, 1 de julho de 2018

A parábola do © (IV)

E fin… que non xustifica os medios

Total que cando chegaron Xudas e Pedro, había arredor do mestre unha multitude congregada, pobo con fame, hipotecado e sereno.
—Hostias, tío! —exclama Pedro—, está isto petado.
―Cheiroulles o peixe ao lonxe ―funga Xudas—. Non nos vai chegar a un dente.
—Calma, ho, que ten aí a Mada un trebello que lle ronca o asubío. Vas ver.

Tomás, que estaba nun aparte observando o panorama con desconfianza, levántase e ségueos. Os tres achéganse a Xesús, bísballe Pedro unhas palabras e, a un aceno do mestre, diríxense xuntos a un alboio.

—Isto é o que nos deron —di Pedro pousando o pan e os peixes nunha mesa.
—Non sei eu… Deixa ver… —interrompe Tomás, e debruzándose unha chisca, osma abrindo moito as ventas e mete o dedo nas galadas—. Pois son frescos. Manda carallo.
—E logo, que pensabas? —retrúcalle ofendido Xudas.
—Haxa paz —acouga Xesús os ánimos.

Nun canto está Madalena, nun escritorio ben arrombadiño, diante dun ordenador cunha flamante impresora 3D. Madalena, por se o lector despistado descoñece o dato, é a tal cociñeira-blogueira-youtubeira-instagrameira (por esta orde) que acadou sona e gloria polas súas receitas de muffins e cupcakes, entre as cales as máis apreciadas, abofé, son as de lágrimas de chocolate. Pero non quedan por aí as súas habilidades sociotecnogastronómicas. Ouve falar os tres homes e bufa para os seus adentros: «Deus me dea paciencia…».
―Non pensaredes que con iso ides dar de comer o xentío que está aí fóra? ―di Filipe, que acaba de asomar pola porta.
Xesús mírao desconsolado.
―Eu tiña máis en mente unha cea íntima, cos colegas, para trece persoas.
A Madalena bufa de novo, desta vez sonora e cabreadamente.
―E tócame a min facer milagres, claro. Como aquí ninguén sabe manexar o cacharro este máis ca min…
―Muller… Pensa que o día en que se escriba un libro sobre a miña vida, paixón e morte, ti has saír tamén.
―A ti ninguén che explicou o que é un salario digno? ―retruca. Logo, ao ver a Xesús cunha cella arqueada, interrogativa, con esa cara de inocentón que tanto lle acae, decide que noutra non a pillan―. Trae acá a bola e mais os xurelos, anda.

* * *

Unha hora despois, todo é alegría e bocas que mastigan no terreiro da Pega Xorda, manteis polo chan e vasos no aire.

―Non sei, para min que estes inventos van quitar moitos postos de traballo… ―quéixase Xudas lambendo na espiña pelada do seu cuarto xurelo.
―Xa ―concorda Pedro―, pero ti pensa que se non, un non pode comer todo o que lle apetece.
―Ha chegar un momento en que ninguén vaia pescar, en que os panadeiros deixen de facer pan… E entón, de onde sacaremos a materia prima para as copias? ―insiste Xudas.
Pedro mírao atónito.
―Veña, non me rompas a cabeza. Se non hai peixe, comemos carne e punto.
«Hostias en vinagre imos comer» pensa Xudas, pero cala e bota a man a outro xurelo.

terça-feira, 3 de abril de 2018

A parábola do © (III)

Capitulo terceiro

Co estómago reconfortado e remorsos na mente, entran Xudas e Pedro na peixaría O Gran Sol, que rexenta un Odiseo de augamar a gorecer o cranio, nariz de hipocampo e dedos como batidos percebes de sol, as palabras contadas e o cheiro a algas podres. O xénero á vista é escaso e caro: gambas frescas de antonte, pescada de ollar toldado, sardiñas mudas e, sorpresa!, unha patela de xurelos que aínda hai dúas horas, desprecavidos, namoraban carapaus e agora van a cinco euros o quilo.
―Boas.
―Xa foron mellores. Que vai ser?
Xudas e Pedro míranse. O un, as mans nos petos, relaxado; petando o outro coa man no peito, pola súa grandísima culpa están como están. Nin para un quilo. Míraos o Odiseo e regaña a queixada ofrecéndolles na almea da boca un canto de sereas.
―Téñovos aquí algo espectacular. Por trinta euros levádelos e perdo diñeiro.
E sácalles de debaixo do mostrador un par de ollomoles lustrosos.
―Tomara eu ter trinta moedas!, xa non digo de prata ―responde o Xudas, soñador—. Outro día será.
―Cantos xurelos nos dás por dous euros?

Así, refan o camiño, dous fermosos xurelos a abanar nunha branca bolsa plástica no guiador canda unha bola de pan trigo país de ningures, que lles vendeu polo último euro o Tafonas: Pan, Fariña e Empanadas Honorato.

terça-feira, 20 de março de 2018

A parábola do © (II)

Segundo capítulo


Vai frío, esfumado pola néboa albíscase no río un carocho capado, o traxe laranxa fosforito do pescador cobra vida e larga o trasmallo. Gralla unha garza nese algures que a ninguén importa. Ao galope cabalga un xinete, dous sacos abrancuzados nas ancas. Troca un aceno con Xudas, veloz como o aire que arrastra e libera cirros de fariña ou terra.
—Quen era ese animal? Coñécelo?
—Ese? É o Saulo do Tafonas. Non ten sentidiño ningún. Calquera día cae do cabalo.
Chegan á rotonda sen barco que a naufrague e con ela ao sol da atardecida. Atravésana recta coa debida neglixencia e as preferencias pasadas habilmente polo forro. Máis adiante bordean o edificio chato da lonxa onde, baixo o zunido da poxa, buligan como abázcaros en celo as furgonetas dos intermediarios, Peixe e Marisco Aureliano, a Flor dos Mares, O Bonito… Cando alcanzan a volta da Quirincosta asáltaos nas ventas o cheiro a callos da Delmira.
—Mandámoslle unha birra? —propón o Pedro, agarimando o billete sobado no peto.
—Eu non teño un peso.
—Teño eu.
Xudas senta á porta na única mesa, arrimada á parede amarelo mexo, mentres o Pedro mergulla a cabeza no frescor balorento e escuro do local.
—Boas!
A Delmira asoma por detrás da barra, o mandil de flores exóticas relimpo, as guedellas pedreses recollidas nun chicho, os peitos mortos. Nos labios debúxaselle un saúdo calado.
—Ponos aquí dúas birras con algo, Delmi, anda.
Ao pouco saen as cervexas frías acompañadas de senllas tapiñas de callos, caldosas, fumegantes, un recendo a gloria para estómagos sufridos, catro bocados de paraíso. O Xudas xa enleou o cigarro e fuma por fumar, os ollos piscos, a gorxa seca, rouca a voz se falase. Quita o Pedro do peto o billete, estírao coas mans antes de pousarllo na man á Delmira, que entra e volve, decontado, con tres moedas de euro. Non reclama propina nin lla dan. Un remorso carga no ambiente. Tose primeiro o Xudas, o Pedro logo.

terça-feira, 13 de março de 2018

A parábola do ©

(Esta é unha obra de ficción inventada. Calquera parecido con lugares, casos e persoas reais ou imaxinarias é pura coincidencia no caos do destino… ou a providencia. A escribidora non ten culpa de que no mundo non haxa nada novo baixo o sol e á realidade lle dea sempre por imitar a realidade da que a fabulación se nutre. A escribidora non pretendeu nunca ofender sensibilidades sensibles nin dignas dignidades, menos aínda honras honradamente honrosas: o que se pica, allos come ou ten alerxias.)











Capítulo primeiro

Estaba unha tarde Xesús cos seus discípulos e vai e di:
—Oíches, Pedro, vas ao súper e traes uns pans e uns peixes para a cea?
—Vale. Algo máis, tío?
—Non, ho, que andamos como as putas na coresma. Pilla do máis barato que haxa. —E alcánzalle un billete de cinco euros que o Pedro mira con resignación.

Total que o Pedro dille ao Xudas que o leve no vespino, así non ten que cargar coa compra. O Xudas, malia andar a velas vir como eles todos, sempre ten o depósito do ciclomotor cheo; o Pedro, como vai de paquete, tamén sempre mira para o outro lado e, se lle preguntasen, negaría tres veces en plan «Que sei eu de onde quita este a gasofa! Nin idea! A min que me contas!». Conque alá os van, prrrr, prrrr, prrr, prrrr, pr…, evitando as estradas principais (tampouco ten claro o Pedro se é por falta de permiso, de papeis ou por consumo de algunha substancia máis ou menos ilegal, que desde que viu o mestre camiñar polas augas, toda alucinación lle parece digna de creto e merecente de respecto) polas pistas da parcelaria, flanqueados de leiras á esquerda, de augas á dereita.

(continuará… se o tempo e as autoridades o permiten)