E por iso mirro.
Non coma quen murcha,
que é un podrecer agudo de humidades,
balores, molezas e cheiros agres,
do cabelo ao átomo último
entre bichos e terras,
mais coma quen seca devagar,
—esbagoando intestinos,
momificando dores,
tensando neuronas—
até acadar na tona do rostro
as impresións dixitais do espírito,
para perpetuarme nunha especie inerte
de multiplicados pedregullos
que pousen distraídos aos pés tantísmos de xente
e rodas de camións polas estradas
en todos os nuncas que me han de vir.
Sem comentários:
Enviar um comentário