Chuvia que chega ventada do sur no norte seca os vidros e engaiola os aballoados da esencia a unha saída afouta. Perdido o amparo das paredes, a molladura garántese até o óso (miolo incluso), que recibe, atónito primeiro e logo aflitísimo, o susto das augas-agullas. Un cheiro de pneumonías, vas apañar, vas. Ou se non, un pingo-pingo que entupe e nasaliza as falas, bolboroto de gargallos en tons de amarelo a verde (acastañados denuncian sangue podre, ou sexa, é mal que vén de lonxe e tísico, non culpa deste vento hodierno acochado entre humidades líquidas), toses carraspeiras e folgos escasos (mona, nunha palabra).
Por tanto, antes de iniciar ardimentos de peito abaloufado e pelame á mostra, aconséllase atender os catro puntos cardinais e por enteiro os ceos. O chan térreo, se persiste na lentura, tamén serve á interpretación madura dos agoiros.
Sem comentários:
Enviar um comentário