quinta-feira, 26 de março de 2015

Se o tempo e as autoridades...

... non o impiden. Porque a meteoroloxía non impide nada. Moito menos a climatoloxía. A estes bobos que inzan os medios de comunicación non lles entra máis ca lixo no cerebro. Recorren ao inglés porque, din, ten palabras máis curtas e logo cospen vocábulos longos que nada teñen que ver co que queren e deberan dicir. Por máis que se lles recorde. Non escoitan, ocupados como están en ouvirse a si mesmos. Se falasen coma a xente gañabamos todos. Pero non, teñen que dar a nota e aquí a única garantía de éxito é a leria.

meteoroloxía (substantivo feminino) 
Ciencia que estuda os fenómenos que teñen lugar na atmosfera. 
Unha das aplicacións dos estudos de meteoroloxía é a previsión do tempo.

Fonte: Dicionario da RAG

quinta-feira, 19 de março de 2015

Para morrer de risa

Se as penas con pan son menos, os tumores con risa son nada. Polo menos é o que din uns elementos que viven do conto á conta de incautos (presuntamente, señorías, ollo... que a cacofonía é pura licenza apoética). Entre os lucrativos negocios da insanidade privada este debe de ser un dos mellores. E o que se aforra en líquido intravenoso e radiacións á toa. Porque xa postos a morrer, moito mellor morrer de risa e o diñeiro, que na cova non serve de nada, é preferible que quede nos petos dos «vivos».

P. S.: O que máis risa me dá é que a noticia estea etiquetada como «ciencia»: despois disto, teño vacina contra o cancro para anos.