É chistoso porque nin triste lle parece. Insiste o Acacio Xosé García de Freixas, a risco da rima fácil, que nin lle quece nin lle arrefece esa morte nin o súbito e conseguinte aumento de vendas. Que era cuestión de tempo, di o agoiro póstumo, hehehe. Como se non fose en última instancia e sempre cuestión de tempo, suspira. E olla para o reloxo, como a tentar calcular cal é o del, o tempo. (A morte non é cousa que lle interese a esas horas.) Continúa a encher de galletas maría a cunca do descafeinado con leite mentres dá grolos avaros ao zume de laranxa natural. Coa barriga da culler esmaga amodo as galletas ata que se forma una papa acastañada coma os ollos da veciña que nunca repararon nel, nin sequera cando fai por encontrarse con eles no cubículo do ascensor. Volve mirar para o reloxo. Aínda ten tempo, se o tempo quere. Mentres engole as papas todo ansioso e escorricha un fío de zume, pola radio toca outra vez falar de persoas que morren de fame e sede, pero lonxe. Cando termina, arromba a mesa e frega a louza.
Xa sorriu diante do espello á procura dunha faísca publicitaria nos dentes cepillados, pasou o peite mollado polo pelo, vestiu a chaqueta de espiga e saíu da casa. Chama polo ascensor e o ascensor acode coma un can obediente nun zunido de nave espacial. Ábrense as portas. Din! Dentro, a muller dos ollos cor de papa acastañada de galletas maría, descafeinado e leite responde aos bos días do Acacio Xosé e logo devolve a vista ao esmalte das uñas. El embarca nunha aventura que nunca vai ter lugar. Ela continúa a ollar o esmalte, perfecto, das uñas. Pola mañá sempre vai en xexún ao choio. Namentres, ao Acacio Xosé o queixo trémelle un algo. Será que intúe o final do traxecto? Sae a muller do ascensor e volve un segundo o rostro para contemplar as curvas que o vestido asenta no corpo do espello. O Acacio Xosé non volve o rostro, non mira para o espello, non ve o vestido. Malia o abaneo das ancas, ve apenas uns ollos cor de papa acastañada. (Segue sen preocuparlle a morte pero o queixo trémelle aínda.)
Sem comentários:
Enviar um comentário