... é un misterio e as pedras, pedras.
domingo, 27 de dezembro de 2020
sábado, 26 de dezembro de 2020
Cor de inverno
Un bando de xílgaros decidiu que á falta de cardos, escasos nesta terra, boas son as sementes de liquidámbar, e recompensan a xenerosidade da árbore, despoxada xa das galas outonais, pintándoa de escintileos encarnados e amarelos ao contraluz da mañá fría.
sexta-feira, 25 de dezembro de 2020
sexta-feira, 19 de junho de 2020
Inmundo novo mundo
Tomar café en compaña nos descansos previamente establecidos por lei demóstrase altamente beneficioso para expansión do virusiño maldito. Outrosí os congresos, manifestacións varias e mesmo contrarias, relacións familiares de contacto intenso, amores sen distancia, cirúrxicas e cabeleireiras operacións, vendas por xunto ou polo miúdo... Pero que culpa ten disto todo o bosque de ribeira?
quarta-feira, 3 de junho de 2020
Camiños descruzados
Mentres almorzo, un bichiño mínimo pasea polo mantel. Digo «pasea» porque a miña mente humana, coitada, pensa como sabe e pode. Os bichos, porén, non pasean. Os bichos van á súa vida, que é conseguir comida, ter logo moitos bichiños e ser por sempre bichos que non pasean polos manteis das casas da xente humana. Teño que quitar os lentes para lle distinguir algúns trazos. Así agora identifico o bicho, polas patas, como arácnido. Sería tan fácil ceder ao impulso e como quen limpa un lixo, coa punta dun dedo, esmagar e borrar a arañiña do mantel e do mapa. O dedo non notaría nada, nin sequera unha mínima presión. Dona Araña e eu descruzamos camiños e cada unha vaise por onde veu.
En modo chimpín-rider
Onte saín do taller coa moto revisada e casco novo. Tiven a mesma sensación de seguridade e illamento que cando vou enfundada no traxe e me chove por fóra (para quen non andades na moto á chuvia, é todo o contrario de que cando mexan por un e hai que dicir que chove), só que ía de bermudas e camiseta e rachaban as piñas. Levaba diante un coche verde e branco e eu ía tan pichi, porque co meu supercasco novo nin a calor sentía, e os ocupantes do coche verde e branco igual esperaban, ansiosos, que a formiga atómica que levaban ao rabo se puxese a cabriolar impaciente pero non sabían que menda cando máis goza enriba da besta é a paso de tuc-tuc-tuc.
Só riso
Debo recoñecer que me arrinca un sorriso cada vez que a ouzo. Un sorriso mínimo, deses nos que se volve para arriba unha das comisuras dos labios e os ollos, ao par, se achican. Podería parecer que, ouvida a frase unha vez, perdería o chiste. Pero non, óuvoa e cúrvaseme o labio ao de leve-leve e os ollos achícanseme. Desde o meu perenne pesimismo realista (que non é froito podre da idade como o meu maldurmir) sei que non é un chiste, que non ten graza ningunha, e que dá moito medo pánico. Pero é ouvir a frase e sorrir.
A porta, vós, podédela deixar aberta ao saírdes.
A porta, vós, podédela deixar aberta ao saírdes.
quinta-feira, 28 de maio de 2020
Aló
Ás cinco da mañá o mundo aínda non se mostra, pero levantando a vista, moito pero non tanto que o pescozo escoche, descóbrese un ceo que é todo puntiños de almas ou estrelas --consonte a perspectiva--. Desde este proxecto de alma ou estrela que son eu, pregúntome entón se esoutras almas ou estrelas, iluminadas, cando baixan a vista, verán nos meus ollos ao menos cadanseu puntiño carente de luz. Pregúntome, pois que outra cousa non se ve e en algo hai que enredar, se de ver esas dúas mínimas ausencias de luz serán as miñas ou as dos ollos de alguén que levantou a vista ao ceo, onde estou agora (un dicir, porque agora estou diante do ordenador e o que se fala non é máis que un desvarío matinal), hai tropecentos miles de anos, anos luz, claro. E isto todo se ás almas ou estrelas de aló enriba non as cega o brillo propio.
segunda-feira, 25 de maio de 2020
Desescalada
Pensei que se estas eran as primaveras debidas --co cuco a cantarme cada día as mañanitas con desconfinada indiferenza ao calendario semanal de cotíos e festivos regulados--, habería que ir tomando unha decisión difícil, antes de que volvese o outono, cos seus fríos e chuvias e talvez bicharada letal como trabadela de crótalo. Así que fun ao garaxe e collín a escada de tesoira, a pequeneira, a que treme canto ou tanto tremen as perniñas miñas nela. Puxen as luvas xardineiras de usar e non deitar fóra mentres non furen, abrín a velux, subín os chanzos todos, asomei a cabeza, encabalguei o marco e saquei o corpo enteiro ao tellado. Unha lapa non se agarra con máis forza ás pedras batidas do mar do que eu ás tellas batidas tamén do sol. É o que teñen as vertixes alturofóbicas: que converten en proeza descomunal o que é unha simple limpeza de cubertas ao norte do mundo.
E así estiven, un par de horas, raspa que raspa, desaloxando musgos e liques okupas, couselos que se finxen mortos, coa tensión e adrenalina dunha carracha que escala pelo de can e ata que a teimosía do sol me obrigou a entrar por onde saín para evitar un golpe de calor ou de cabeza.
E así estiven, un par de horas, raspa que raspa, desaloxando musgos e liques okupas, couselos que se finxen mortos, coa tensión e adrenalina dunha carracha que escala pelo de can e ata que a teimosía do sol me obrigou a entrar por onde saín para evitar un golpe de calor ou de cabeza.
sábado, 2 de maio de 2020
Airear
O día en que Deus lles calafateou as plumas ás aves acuáticas, a canilonga quedou a peitear o moño e chegou tarde á cita. Tivo que conformarse cunha man chorada de impermeabilizante que, para que nos imos enganar, despois de tanto somerxe aquí e emerxe acolá, non lle vale de moito. A auga entráñaselle nos canotos e, por iso, á mínima, pousa nun areal no medio do río e estende as ás ao sol. Ando eu tamén un pouco canilonga calada estes días. Apetéceme pousar no medio dun nada calquera, e pór a secar as neuronas da dereita e as da esquerda ao vento, de costado ao poñente (e ao oriente), o tempo xusto para que non me prospere a carriza nas sinapses, que cansa moito estar así coas orellas estendidas.
sexta-feira, 1 de maio de 2020
Inconexa
Estampar un móbil contra a parede é un exercicio que acalenta a rabia e alimenta o sosego. Un móbil estampado contra unha parede é unha imaxe efémera, como é efémero o chasquido do vidro fráxil que non o soubo protexer dunha morte antes da hora. O móbil, que voou propulsado por unha enerxía que non lle era propia, regresa logo ao seu estado natural, enténdase, estar deitado, cara arriba ou cara abaixo (nisto non é exquisito), e espernexa e boquexa, agonizante, do único xeito que sabe, tremelucindo. O espírito ha rendelo ou non a algunha nube se aínda, nas últimas, unhas mans máis capaces ca as de quen o arrebolou lle dan prolongado a agonía tempo dabondo para o transplante. Entrementres, ao mundo todo isto impórtalle medio nabo e medio.
De soños e pesadelos
Hai moitos anos, cando vivía en Sant Cugat del Vallès, gustábame coller o tren a Barcelona aos domingos pola mañá cedo. Encantábame pasear pola cidade deserta. Falo do século pasado, claro. Tanto me gustaba pasear pola Barcelona deserta que moitas veces, en soños, corría por unha cidade deserta que era Barcelona. Aclaremos que daquela, e falo do século pasado, insisto, tamén corría. Non corría porque tivese présa, que a esa idade non fai falla ter présa para ir ás carreiras de aquí para alá, sen rumbo, só polo pracer de correr e sentir o aire limpo entrar e saír dos pulmóns enormes. Cando ía de mañá cedo a Barcelona, porén, non ía para correr senón para pasear. Pero naquel soño, recorrente, voaba case pola cidade e avantaba os bidóns de lixo sen esforzo ningún. Era un soño magnífico. Non era nada este pesadelo de agora. Xa non hai bidóns de lixo na rúa.
quarta-feira, 18 de março de 2020
A caverna
Onte estaba escoitando o discurso do presidente do Goberno e polo medio sentín un leve, que digo!, un fondo desacougo, como se vivise na novela de H. G. Wells, A guerra dos mundos. Pensei se non sería todo mentira, una montaxe radiofónica coa que nos teñen enganados e distraídos para afundir a economía ou para vender máscaras. Porque o certo é que aquí segue todo igual: o traballo, o exercicio diario, as horas das comidas e bebidas, a primavera, os pardais que veñen almorzar ao antepeito da ventá da cociña, os cans que ladran aos gatos dos veciños, os melros e os tordos a namorar melras e tordas, supoño que, respectivamente. Un día destes vou ter que saír á farmacia, a repor pan no conxelador e mercar víveres (papel hixiénico aínda me queda). Daquela xa vos contarei se aínda hai vida aí fóra, alén do valado do meu eido. Ata daquela, non creades nada do que se conta e lédeme a Platón.
sábado, 22 de fevereiro de 2020
Sementar sementarei
Teño cincuenta e oito anos aquí onde me vedes (si, xa sei que se me botan algúns máis, pero quen os pillara, como dixo o defunto), ningún futuro e menos fillos. Poderiades pensar que o planeta ―representado polo cacho de terra no que decidín vivir e ata que me farte― me importa un farrapo mollado de gaita. Porén (como me gusta a solemnidade deste palabro!), raro é que cando saio da casa non recolla algún que outro exemplar da especie invasora autóctona Lixus vulgaris (plasticus spp., mormente) co que me topo polo camiño e o deposite no centro de recuperación de residuos urbanos máis próximo. Ás veces incluso ármome de saco e luvas e vou de cazaría. Coma onte. Ía eu tralarí tralará polo río limpando a miña-casiña-meu-lar-que-é-o-mundo tan contenta cando me crucei cun home que me deu as grazas. E máis adiante funme encontrando con outras varias persoas que tamén paseaban e me sorriron. E pensei para os meus adentros, porque son medio parva e confórmome coas cousas simples, que xa só por iso pagaba a pena. E agora a ver se o exemplo inza.
sábado, 18 de janeiro de 2020
Influenceira
Hai pouco, un benquerido amigo ao que moito descoñezo e nada ignoro --tradutor, meu pobre-- comentoume que despois de falar comigo (de tradución, of course, que «iso» e os cans son os únicos temas dos que falo sen medida e con entusiasmo), mudara, para ben, de actitude cara ao seu traballo, que consistía, en xeral, en reconverter no prazo debido trapalladas escritas cos pés (e non se me ofendan os que a falta de mans recorren a tan nobre parte do corpo para executar pezas maxistrais ao piano ou pintar murais, que o meu é metáfora) en textos lexibles que ninguén vai saber apreciar, adornándoos de exabruptos e xuramentos varios mentais.
Que nada, que estou pensando en facerme gurú-influenceira para #translatorsthatfeelsomiserable
Que nada, que estou pensando en facerme gurú-influenceira para #translatorsthatfeelsomiserable
quinta-feira, 16 de janeiro de 2020
Ventada
A onde van as follas que leva o vento? Haberá algún lugar onde os calcetíns desemparellados e as follas secas das árbores se xunten? Fago esta fonda reflexión a raíz (hehe, pilládelo, alpabardas?) do vendaval que asola o meu eido estes días. Cada inverno, con máis o menos intensidade, vén o vento e leva as follas, pero non me deixa follas doutros eidos, que sería, de seu, o lóxico. A non ser, claro, que todo o mundo apañe as follas secas menos eu. Que pode ser, porque hai moita xente á que lle encanta facer traballos inútiles (e contraprodutivos, diría). Como se explica, se non, a abundancia de poetas e a ausencia de follas secas no meu eido?
terça-feira, 15 de outubro de 2019
Efecto bolboreta
Se unha bolboreta bate as ás
no outro extremo do mundo
sentirei estremecer o ar ao meu redor.
Tres toneladas de peixes e crustáceos mortos
e no outro extremo do mundo
unha bolboreta reprega as ás estremecida.
no outro extremo do mundo
sentirei estremecer o ar ao meu redor.
Tres toneladas de peixes e crustáceos mortos
e no outro extremo do mundo
unha bolboreta reprega as ás estremecida.
domingo, 29 de setembro de 2019
De ciencias infusas
Non é que eu tome té de bolsiña, entendámonos: isto é pura curiosidade científica de sábado a media mañá.
O de que non se debe espremer a bolsiña de té ten algunha razón científica ou é pura convención de estilo elitista coma a de que non se debe estricar o maimiño cando se colle o pocillo do café?
(Dito o cal, se a houber, váleme calquera razón científica crible, e mirade ben que en canto a razóns científicas son do máis crédula. Pensade que trago co de que a terra non é plana pola mesma razón pola que trago co de que nos esteamos comunicando neste momento grazas á ciencia e non á maxia potaxia: por pudor intelectual.)
O de que non se debe espremer a bolsiña de té ten algunha razón científica ou é pura convención de estilo elitista coma a de que non se debe estricar o maimiño cando se colle o pocillo do café?
(Dito o cal, se a houber, váleme calquera razón científica crible, e mirade ben que en canto a razóns científicas son do máis crédula. Pensade que trago co de que a terra non é plana pola mesma razón pola que trago co de que nos esteamos comunicando neste momento grazas á ciencia e non á maxia potaxia: por pudor intelectual.)
sexta-feira, 6 de setembro de 2019
Nichos de mercado
Habendo xente que pide xeado de cornete só por comer a punta rechea de chocolate, e xoubas, polo rabo torrado, por que non se comercializan á parte as puntas de cornete recheas de chocolate e os rabos de xouba? Por xunto?
quarta-feira, 24 de julho de 2019
Cheira que alimenta
Estou convencida de que cando Cristo fixo o milagre de multiplicación dos peixes, eran sardiñas asadas. Só co cheiro que che queda nas mans aliméntase unha familia durante unha semana.
sábado, 13 de julho de 2019
Do pato ao gato en sentido lato
Onte á noite a neveira estaba en alerta vermella. O derradeiro tomate, o derradeiro iogur, o derradeiro anaco de queixo. Así que pensei, mira ti, que mellor ocasión que encetar aquela latiña de paté de pato (unha, cando ten o corpo poético, merca máis pola aliteración que polo contido) que leva meses na despensa. Total que abrín a lata e, de pronto, pensei, cagonodemo, que isto cheira á comida de can, aquí hai algo que non vai ben. E moito-moito, xa vos digo, non me enganei.
Non creo que unha imaxe valla máis que mil palabras, pero sei que vós sodes coma san Tomé e tedes que meter o dedo no paté.
#incapacitaciónlegalávoltadoverán
#istoaminqueningatosteño
#o que non vai ben son eu
Pásame por non ter tele
Se vedes que non dou sinais de vida nun tempo, chamade os bombeiros para que boten a porta abaixo antes que me coman os cans. O máis probable é que quede idiotizada polo fondo de pantalla con burbullas que lle acabo de pór ao ordenador.
terça-feira, 25 de junho de 2019
Para que teñen nome os días da semana?
Vida de tradutora independente é, coma quen di, espertares un martes coa sensación de que é venres e que tanto che dea. Igual vou ter que empezar a ir á misa aos domingos.
quinta-feira, 23 de maio de 2019
Da pesca do bacallau e outras artes
Falan pola radio de que a Podemos o PSOE lle concedería carteiras sen importancia. Nin Xustiza nin Interior nin Facenda nin Exteriores… E fan o chiste: «Cultura!», di un. «Cultura e Pesca», engade outro. O terceiro, crava o estoque: «E Medio Rural!» He, he. Esmendréllanse eles. Ese é o nivel. Esa é a consideración do que é importante e o que non alí onde se corta o bacallau. Veremos cando non haxa bacallau que cortar.
(Seguimos sen novas do rapto de Europa. O barullo do Brexit non terá algo que ver con este silencio espeso? E o de aí ao lado, Cataluña, creo que se chama?)
(Seguimos sen novas do rapto de Europa. O barullo do Brexit non terá algo que ver con este silencio espeso? E o de aí ao lado, Cataluña, creo que se chama?)
O rapto de Europa
E eu pregunto(me), non é por nada, só por ver se estou confundida ou se non, esta fin de semana que vén hai ou non hai eleccións europeas? Porque calquera diría que non, que a papeleta azul (boto en falta unha papeleta rosa perfumada) é só un erasmus para adultos.
A grandes males
Dígovos que soño con ter un choio de horario fixo de sete a tres, pagas extraordinarias, fins de semana e festivos libres, vacacións pagas. Tamén vos digo, xa o tiven e non o aturei: a depresión dos luns e o síndrome posvacacional acababan comigo.
domingo, 19 de maio de 2019
Repenicar e dicir misa
Que frustrante. Acabo de ter unha ocorrencia sensacional que pensaba escribir aquí e, ala, aparéceme unha gralla no texto que estou a revisar. Corríxoa e, contra!, esqueceume a ocorrencia sensacional. En que raio andaría eu a pensar?!
sábado, 18 de maio de 2019
De fitos a chitos
É indigno, en verdade vos digo, dun país coma o noso, no que tanta xente morreu e matou por un déixame estar quieto ese marco, que aparezan agora leiras e veigas delimitadas por chitos, varas esqueléticas, mormente de arcolito, coroadas por rechamantes envases de plástico e tetrabriks. Máis vos valía aprender a marcar territorio coma os cans!
#deverlixonocampoataasorellas
#deverlixonocampoataasorellas
quarta-feira, 8 de maio de 2019
Experiencias extrasensoriais
Se algunha vez metestes no microondas unha caneca coa intención de ferver a auga que non estaba no seu interior, sabedes do que vos falo.
(Supoño que o detalle de que a colocase boca baixo só interesa de cara ao futuro que me espera… aí xa á volta da esquina.)
(Supoño que o detalle de que a colocase boca baixo só interesa de cara ao futuro que me espera… aí xa á volta da esquina.)
quarta-feira, 1 de maio de 2019
Sinopse
Levo tempo (case desde a adolescencia) a cavilar en escribir as miñas memorias. Teño que recoñecer que se non me poño mans á obra é porque, un día por outro, nunca me acordo. Pero antes de morrer ao máis tardar, póñome. Ao cabo, a pouco que invente, en medio folio despáchoas.
Subscrever:
Mensagens (Atom)


