segunda-feira, 25 de maio de 2020

Desescalada

Pensei que se estas eran as primaveras debidas --co cuco a cantarme cada día as mañanitas con desconfinada indiferenza ao calendario semanal de cotíos e festivos regulados--, habería que ir tomando unha decisión difícil, antes de que volvese o outono, cos seus fríos e chuvias e talvez bicharada letal como trabadela de crótalo. Así que fun ao garaxe e collín a escada de tesoira, a pequeneira, a que treme canto ou tanto tremen as perniñas miñas nela. Puxen as luvas xardineiras de usar e non deitar fóra mentres non furen, abrín a velux, subín os chanzos todos, asomei a cabeza, encabalguei o marco e saquei o corpo enteiro ao tellado. Unha lapa non se agarra con máis forza ás pedras batidas do mar do que eu ás tellas batidas tamén do sol. É o que teñen as vertixes alturofóbicas: que converten en proeza descomunal o que é unha simple limpeza de cubertas ao norte do mundo.
E así estiven, un par de horas, raspa que raspa, desaloxando musgos e liques okupas, couselos que se finxen mortos, coa tensión e adrenalina dunha carracha que escala pelo de can e ata que a teimosía do sol me obrigou a entrar por onde saín para evitar un golpe de calor ou de cabeza.

Sem comentários: