domingo, 14 de abril de 2019

De como o tamaño non importa ou talvez si cando se toma café a deshoras

Dime o segundo mandamento: «Non tomarás café en van». Sobre cuncas, porén, non hai nada escrito, así que tomei ―como mirando para outro lado―, tomei café en cunca despois de xantar, e non debía. Consciente de que aínda non sendo pecado nin mortal, a inxestión de café despois do xantar (dígase: des que ingresei en cafeinómanas descafeinadas) sería garantía de insomnio (unha especie de efémera vida eterna alén do día), tomei café. E todo para sumirme na mínima e transgresora éxtase hipnótico-vixilante das tardes en que deixo as palabras alleas sacudírenme os ouvidos como se fosen (im)propias.

Todo isto para dicir que onte tiven o privilexio de navegar sobre unha de tantas pontes que tece Yolanda Castaño, onde me reencontrei con vhm (que de tan maiúsculo adelgazou e deixou o pelo todiño descender ás barbas); que xuntos atravesarmos o mundo de leria coa enorme Antònia Vicens, mentres o Ismael Ramos (reservando o verbo que o fai medrar) nos fotografaba para a prehistoria; e que, como broche do día que non fecha, apañei un terceiro grao do gran Vilas, que ao final, e salvando as distancias, tampouco é moito máis alto ca min.

#daquelescafésestesinsomnios

Sem comentários: