Pois nada, que estaba no despacho da traballadora social cubrindo papeis (necesitaba unha intérprete de administrés, idioma que non domino) e chegamos ao punto dos datos persoais. Entón preguntoume: nacionalidade? Quedei calada. Apetecíame dicir «belga». Non por nada, que non teño nada en contra nin a favor dos belgas nin de Bélxica, que aló só estiven unha vez e desde aquela comín caldo abondo. Apeteceume dicir «belga» porque soa ben. Belga. É unha palabra curta, eufónica, cunha terminación en -a que non compromete a nada. Unha debera poder escoller nacionalidade sen dar explicacións igual que escolle nome. Pero é como o número do DNI. Apóñencho.
Así que calei e deixei que a traballadora social puxese o que a ela lle pareceu. Co bonito que quedaría alí no impreso: «nacionalidade: belga».
P. S.: Conste que esa foi a opción do outro día. Igual para a próxima, máis tirando para o verán, apetéceme ser inuit, que tamén me gusta moito como soa.
Sem comentários:
Enviar um comentário