terça-feira, 30 de outubro de 2012

Ja, ja was ist das?

De repente, a media tarde, apetéceme convocar un referendo ou varios (a tortilla de pataca con ou sen cebola?, o pan con ou sen tomate?, vinagreta ou maionesa?). Que me deteñan.

Os cans non entenden que mudamos a hora (continuamos baixo os ditados de Berlín —o da Alemaña, non o das bólas) e queren cear e/ou pasear. Tamén eu quero pasear, pero non é a hora. Cear aínda non: a culpa é do chocolate.

O día menos pensado deixo de ouvir a radio. É a mesma voz (do amo) a todas as horas. Sen fox-terrier ao pé. E o disco, para máis, riscado, erre que erre: pensarán que cremos que é música dos noventa pero eu penso o que me parece (sécolas, trécolas).

E son, son máis curtos os días, pero en troco hai castañas. Total, haberá que durmir para poder espertar (o malo, insisto, é a radio).

Reflexión a posteriori: sempre tiro as fotografías desde o mesmo lugar da ponte. É o mesmo lugar que escolleu o suicida. Talvez non por acaso.

E agora toca prender a luz. Así, tan simple. 


Sem comentários: