segunda-feira, 5 de dezembro de 2011
De amor (tamén o alleo)
A Carlotte ten andado a enfiárseme na cama. En canto poño o pixama e me deito aparéceme ela con toda a tramoia do salón dun hotel de Weimar, onde conversa co doutor Riemer mentres eu loito contra as pálpebras que me caen, sen apagar a luz aínda, sen aconchegarme no cabezal, coa esperanza de continuar a ouvilos. Eles deseguida notan que eu xa non lles presto atención porque calan, agardan que abra de novo os ollos, que me centre outra vez no que me queren contar. Haberá quen pense que é deferencia comigo, que se resisten a privarme do relato das súas respectivas relacións con Goethe, que espreito con curiosidade perversa nas últimas horas do día. Eu, non obstante, teño a certeza de que é exhibicionismo. Consideran o seu un diálogo sublime que merece unha ouvinte dedicada coma min. Non se contentan cun falar abafado entre as páxinas fechadas dun libro. Que lle vou facer? Se lles aturo a fachenda, dígovos, é polo interese que me provoca a inevitable aparición do poeta. E por amor propio.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário