domingo, 16 de maio de 2021

Febre


 






«A febre, si, é incómoda, e ás veces mesmo insufrible, pero cando se produce dentro dun proceso que non reviste gravidade, é dicir, cando a enferma non ten medo da enfermidade, esa contrariedade ten unha parte dalgunha maneira gozosa».
Berta Dávila, Illa decepción, Editorial Galaxia, 2020.
Iso lía eu venres pasado de mañá cedo no IFEVI sentada nunha cadeira plástica nos quince minutos posteriores á segunda inxección mentres o cronómetro do móbil marcaba o tempo. O que aconteceu despois...
Primeiro sinal. Decidín ir celebrar o meu estado de boa esperanza nunha terraza cunha ración de tortilla que recordaba gloriosa e un descafeinado que menos dá unha pedra. A tortilla foi un chasco (este retrinco podería titularse, como un mal chiste: «Tortilla decepción»), pero cando menos estaba mol, e non me custou tanto mastigala como o pan que a acompañaba. Doíanme os dentes cousa mala.
Segundo sinal: Sorprendérame o boas que estaban esas mazás e xa só quedaba unha. Ao mediodía, ataqueina. Sabía a pel de pataca crúa e terrosa. A última, pensei, e vai e déixame mal sabor de boca.
Terceiro sinal: Fun andar como todos os días ao rematar a xeira. Eran case as nove cando cheguei á casa sen folgos.
Fun para a cama con febre e paracetamol e amencín con paracetamol e febre. Botei día enteiro na cama pensando que non hai como as doenzas que son curas. Namentres, nun país distante continuaban os bombardeos.

Sem comentários: