Segundo capítulo
Vai frío, esfumado pola néboa albíscase no río un carocho capado, o traxe laranxa fosforito do pescador cobra vida e larga o trasmallo. Gralla unha garza nese algures que a ninguén importa. Ao galope cabalga un xinete, dous sacos abrancuzados nas ancas. Troca un aceno con Xudas, veloz como o aire que arrastra e libera cirros de fariña ou terra.
—Quen era ese animal? Coñécelo?
—Ese? É o Saulo do Tafonas. Non ten sentidiño ningún. Calquera día cae do cabalo.
Chegan á rotonda sen barco que a naufrague e con ela ao sol da atardecida. Atravésana recta coa debida neglixencia e as preferencias pasadas habilmente polo forro. Máis adiante bordean o edificio chato da lonxa onde, baixo o zunido da poxa, buligan como abázcaros en celo as furgonetas dos intermediarios, Peixe e Marisco Aureliano, a Flor dos Mares, O Bonito… Cando alcanzan a volta da Quirincosta asáltaos nas ventas o cheiro a callos da Delmira.
—Mandámoslle unha birra? —propón o Pedro, agarimando o billete sobado no peto.
—Eu non teño un peso.
—Teño eu.
Xudas senta á porta na única mesa, arrimada á parede amarelo mexo, mentres o Pedro mergulla a cabeza no frescor balorento e escuro do local.
—Boas!
A Delmira asoma por detrás da barra, o mandil de flores exóticas relimpo, as guedellas pedreses recollidas nun chicho, os peitos mortos. Nos labios debúxaselle un saúdo calado.
—Ponos aquí dúas birras con algo, Delmi, anda.
Ao pouco saen as cervexas frías acompañadas de senllas tapiñas de callos, caldosas, fumegantes, un recendo a gloria para estómagos sufridos, catro bocados de paraíso. O Xudas xa enleou o cigarro e fuma por fumar, os ollos piscos, a gorxa seca, rouca a voz se falase. Quita o Pedro do peto o billete, estírao coas mans antes de pousarllo na man á Delmira, que entra e volve, decontado, con tres moedas de euro. Non reclama propina nin lla dan. Un remorso carga no ambiente. Tose primeiro o Xudas, o Pedro logo.
terça-feira, 20 de março de 2018
terça-feira, 13 de março de 2018
A parábola do ©
(Esta é unha obra de ficción inventada. Calquera parecido con lugares, casos e persoas reais ou imaxinarias é pura coincidencia no caos do destino… ou a providencia. A escribidora non ten culpa de que no mundo non haxa nada novo baixo o sol e á realidade lle dea sempre por imitar a realidade da que a fabulación se nutre. A escribidora non pretendeu nunca ofender sensibilidades sensibles nin dignas dignidades, menos aínda honras honradamente honrosas: o que se pica, allos come ou ten alerxias.)
Capítulo primeiro
Estaba unha tarde Xesús cos seus discípulos e vai e di:
—Oíches, Pedro, vas ao súper e traes uns pans e uns peixes para a cea?
—Vale. Algo máis, tío?
—Non, ho, que andamos como as putas na coresma. Pilla do máis barato que haxa. —E alcánzalle un billete de cinco euros que o Pedro mira con resignación.
Total que o Pedro dille ao Xudas que o leve no vespino, así non ten que cargar coa compra. O Xudas, malia andar a velas vir como eles todos, sempre ten o depósito do ciclomotor cheo; o Pedro, como vai de paquete, tamén sempre mira para o outro lado e, se lle preguntasen, negaría tres veces en plan «Que sei eu de onde quita este a gasofa! Nin idea! A min que me contas!». Conque alá os van, prrrr, prrrr, prrr, prrrr, pr…, evitando as estradas principais (tampouco ten claro o Pedro se é por falta de permiso, de papeis ou por consumo de algunha substancia máis ou menos ilegal, que desde que viu o mestre camiñar polas augas, toda alucinación lle parece digna de creto e merecente de respecto) polas pistas da parcelaria, flanqueados de leiras á esquerda, de augas á dereita.

(continuará… se o tempo e as autoridades o permiten)
Subscrever:
Mensagens (Atom)