quarta-feira, 18 de abril de 2012

Unha visita (inesperada, claro)

Foi durante un intervalo de sol. A chuvia fixérase contida nunha nube pasaxeira como todas as nubes son. As follas verdegaias do carballo rebrillaban, punteadas de cristalinas doas grávidas, ou sexa, pingas de auga que máis tarde máis cedo irían rebentar. Estase a ver que é abril, en toda a súa crueza e crueldade. Eu estaba espetada no teclado (en fin!) cando de repente, o meu cerebro captou un rumor estraño, tanto como para o arrancar da concentración en que o tiña preso o próximo desvendamento da identidade do asasino (ou iso espero porque o libro está nas últimas e ai se non!). Que aduanadas estarán para aí a tramar os cans?, deduciron os amolecidos miolos moi irreflexivamente. Pois non. Era unha poupa. Unha poupa na miña fiestra que batía as asas admirada ante a beleza propia (da poupa, digo, non a miña, por favor). Engaiolada de si, bicábase no bico, petando no vidro coma quen peta na realidade e non. A poupa Narcisa, que así se chamaba, abría e fechaba o abano da curupela de sorpresa en sorpresa. Con certeza, ningún lago das terras africanas onde invernara unha outra primavera a agasallara cunha imaxe tan multicolor e nítida. Espelliño, espelliño..., parecía dicir, mentres posaba, ora de fronte, ora de perfil, e bicaba máis unha vez o reflexo do bico. De pronto, pensou mellor, e levantou voo. Para min que foi namorar unha poupa que feda como é debido.

1 comentário:

Anónimo disse...

¡Que ben escribes, condenada!