sábado, 23 de janeiro de 2021

Alción



Nesta derrota
non caben desvíos;
só confiar nun bo vento
que nos leve alén da néboa.

terça-feira, 19 de janeiro de 2021

Pequenez


Di a radio que hoxe acaba o sol para nós. Vén un temporal de chuvia e vento polo oeste. Cando a auga enchoupa a terra e as pólas das árbores aguantan a duras penas no sitio, sempre me pregunto onde se gorecen os paxaros, tan pequenos, tan en aparencia fráxiles. E se cadra é iso, a pequenez deles, o que lles permite sobrevivir, refuxiados en calquera recuncho mínimo do mundo, cos seus diminutos anoraks de plumas e a súa paciencia colosal, ata que escampa.



 

domingo, 17 de janeiro de 2021

Comuñón







Disque Nieves pintou as uñas para recibir a segunda dose da vacina. Non é para menos. Recíbese a vacina en domingo como quen comunga na Sagrada Forma da Ciencia. Deberiamos quitar do armario as mellores galas cando nos toque acudir ao CAP, descubrir o brazo, inclinar a cabeza e fechar os ollos no instante da picada. Porque unha picada túa abonda para me salvar. Son actos coma este os que me devolven a fe nos seres humanos, capaces do mellor e do peor, que o mesmo crean unha vacina que vai salvar miles de millóns de conxéneres como a pizza con piña.

terça-feira, 5 de janeiro de 2021

Luscofusco

E un día a vida é só o instante que pasa
entre o descorrer e o correr das cortinas.