domingo, 29 de abril de 2018

A raposa e a tradutora

Hai días en que cando me levanto me apetece dedicarme a criar galiñas. Digo «hai días en que cando me levanto» porque é o que me apetece todas as noites cando me deito: criar galiñas, Liberalas do medo á raposa pola mañá cedo, lerlles poemas baixo as primeiras chuvias de outono, esparexerlles millo como quen planta ovos, lerlles poemas á sombra do mediodía en agosto, falarlles con palabras mansas cando o miñato espreita e convidalas a un banquete de verzas con miñocas, lerlles poemas cando cae o sol de inverno, pórlles auga limpa nos bebedoiros, lerlles poemas cando o salpedrés de primavera sementa de angustia as froiteiras, fecharlles a porta do galiñeiro á noitiña deixando fóra o medo á raposa. Criar galiñas e ler poemas para me liberar do medo á raposa.

quinta-feira, 12 de abril de 2018

Acordo de confidencialidade

Non vos podo contar de que vai a peli por aquilo do acordo de confidencialidade e tal, pero o caso é que hai un cineasta polo medio (taaaan típico, meus!) que ten una depre de aquí á Habana porque non se lle ocorre ningunha idea para una peli e a noticia que dan pola tele aínda o chafa máis. Total que vai a chavala que está con el desdesconsolándoo e dille que por que non fai unha peli sobre o que está sucedendo. E el vai e flipa en cores, pois claro, que idea pistonuda, acabáronselle os males todos... E a min dáme unha peniña que me parte a alma porque non lle podo dicir (puto acordo de confidencialidade!) que a peli xa está feita, que a estou traducindo eu. Ás veces tamén se sofre traducindo, non vaiades pensar.

terça-feira, 3 de abril de 2018

A parábola do © (III)

Capitulo terceiro

Co estómago reconfortado e remorsos na mente, entran Xudas e Pedro na peixaría O Gran Sol, que rexenta un Odiseo de augamar a gorecer o cranio, nariz de hipocampo e dedos como batidos percebes de sol, as palabras contadas e o cheiro a algas podres. O xénero á vista é escaso e caro: gambas frescas de antonte, pescada de ollar toldado, sardiñas mudas e, sorpresa!, unha patela de xurelos que aínda hai dúas horas, desprecavidos, namoraban carapaus e agora van a cinco euros o quilo.
―Boas.
―Xa foron mellores. Que vai ser?
Xudas e Pedro míranse. O un, as mans nos petos, relaxado; petando o outro coa man no peito, pola súa grandísima culpa están como están. Nin para un quilo. Míraos o Odiseo e regaña a queixada ofrecéndolles na almea da boca un canto de sereas.
―Téñovos aquí algo espectacular. Por trinta euros levádelos e perdo diñeiro.
E sácalles de debaixo do mostrador un par de ollomoles lustrosos.
―Tomara eu ter trinta moedas!, xa non digo de prata ―responde o Xudas, soñador—. Outro día será.
―Cantos xurelos nos dás por dous euros?

Así, refan o camiño, dous fermosos xurelos a abanar nunha branca bolsa plástica no guiador canda unha bola de pan trigo país de ningures, que lles vendeu polo último euro o Tafonas: Pan, Fariña e Empanadas Honorato.