quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

O cuarto de baño ou o aquecemento mundial

A última vez que estiven cosendo marexadas
lembreime do buraco que deixara o naufraxio
A escuma do champaña escondera
              unha agresión deliciosa
              unha percusión rosada
                                       ronselada
              saloucando entre virxindade e anémonas
Embriagados
              desfixémo-las redes cunha marea de dentes.

Elías Portela. Cos peitos desenchufados. Barbantesa. 2010

Chegou a hora de sinalar o culpable. Chegou a hora de delatalo ás escuras e pola calada con nomes e apelidos, nin que sexan inventados. É el, Elías Portela, inquilino das penumbras tan nórdicas coma os edredóns de pato exquisito e desplumado. É el o devandito presunto de tanto desxeo nos mares outrora brancos, do escurecemento da parte máis verde da aurora boreal, da perda de insepulta graxa incorpórea en focas varias e morsas azuladas, da caída de algún pelo branco ca outro nos osos máis achatados polos polos a prol dos niños de aves bastante nocturnas. Elías Portela edifica caixas de palabras para limparse por dentro e refulxir sen-tento como se fose o osíxeno activo purificador de cuartos de baño unha vez por semana. Elías Portela emana luz da pel transparente, calor da voz cítrica, CO2 de ambos os dous pulmóns. Como non acusalo da erosión dos glaciares, da transxenerosidade das raposas, do solpor eternificado, da invasión de mareas mínimas de bágoas ou dentes en costas abruptas e montañas en xeral?

Despoxo

Cada mañá
apenas esperto
retiro
cunha lámina extrafina
o pouco de bo
que vai quedando en min.
Enfundo logo un manto de rancor
e mais outro de resentimento
sobre a pel ulcerada
e déitome nun caixón de sombras
para enganar o día,
entre as mans cruzadas unha candea
apagada (para non gastar, mormente).

segunda-feira, 12 de janeiro de 2015

Non hai lapis para tanto morto

Quen chora os sen nome? Quen chora a nena que rebentou o corpo nun mercado de Maidiguri? Quen chora os dous mil mortos de Baga? Quen chora os bombardeados, os violados, os secuestrados, os vendidos e os comprados? Quen chora os encerrados? Quen chora os náufragos? Quen chora os cadáveres secos ao sol do deserto? Quen chora os parias, os desterrados, os exilados, os desprezados, os explotados?
Quen chora os que nin sequera aparecen nun recanto mínimo do xornal? Atentado á cultura occidental?! Non me fagan rir, que se me entala a queixada.

quarta-feira, 7 de janeiro de 2015

Ninguén no paraíso

Cando se fechan as portas
o paraíso vira o corredor
polo que transitan tristes
coma ninguén os rexeitados.

Ninguén ouve as garzas
grallar sobre as augas lóbregas
do río infindo. Ninguén ve o bater
de ás co que os patos orden
o estrépito das sombras.
Cando se fechan as portas
ninguén avanza na néboa
que envolve a pel cun cobertor
glacial de lágrimas mínimas.
O camiño do paraíso é un corredor
incerto. Ninguén perde nel
a voz: non hai ouvidos
que escoiten alén dos
muros grises que o cercan.

Cando se fechan as portas,
o paraíso vira ausencia e
noite onde os desterrados
coma ninguén habitan.

terça-feira, 6 de janeiro de 2015

Ao lonxe

Medra fóra un silencio denso
e o nada, voraz, inza en min.

sábado, 15 de novembro de 2014

Frío

Cando saio da casa, noite aínda,
coxeo moito da alma
e dóenme as reviravoltas da mente,
perforada de insomnios.

Logo, camiña que camiña,
a luz agroma entre as nubes
e o frío, invisible e mordaz,
písame nos calcañares,
a sol e a sombra, indiferente.

Cando chego á casa, xa día,
apetéceme meter as mans,
sen aneis, no microondas
e seguir, talvez, viva.

quarta-feira, 5 de novembro de 2014

E duro e dálle

A tradución galega do Ulises de James Joyce, realizada por Antón Vialle, Eva Almazán, Xavier Queipo e María Alonso Seisdedos, recibiu o Premio Nacional a la Mejor Traducción de 2013 que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España.

(Desculpen que non exteriorice a miña alegría pero aínda estou baixo os efectos da gasosa e a lata de mexillóns en escabeche da celebración de onte.)

sexta-feira, 31 de outubro de 2014

Mosquiteira




Araneus diadematus
Araña de xardín
femia

sábado, 18 de outubro de 2014

15 anos








Azul
(03/09/1999 - 18/10/2014)

sexta-feira, 5 de setembro de 2014

quarta-feira, 3 de setembro de 2014

terça-feira, 2 de setembro de 2014

terça-feira, 26 de agosto de 2014

segunda-feira, 9 de junho de 2014

domingo, 8 de junho de 2014

Outros territorios







Aquí

Lyrica

Se a alternativa à dor é a sonolência e as tonturas, acho que vou optar pela dor, que ao menos faz-me sentir viva.

terça-feira, 20 de maio de 2014

sexta-feira, 11 de abril de 2014

segunda-feira, 7 de abril de 2014

quarta-feira, 26 de março de 2014

A fome





—se eu soubesse explicar a cor do fogo, mais velho, eu era um poeta desses de falar poemas
Ondjaki. Os transparentes



Havia muito tempo que eu não ficava agarrada a um livro... talvez até porque havia muito tempo que não comprava livros... talvez até porque havia muito tempo que não entrava numa livraria. Cometi o erro de entrar numa, na sexta passada, mas foi só —e a minha fome saberá desculpar-me— porque tive de entrar a entregar nela, como quem porta um pacote-bomba de estrelas coloridas, um escritor com todas as suas histórias (e estórias) dentro. Foi assim que este romance veio ao meu encontro e me pediu para o levar comigo.

Por isso, quando a auxiliar da dentista me mandou passar à consulta, eu quase estive para dizer: «'Pera aí um bocadinho, que só me faltam quatrocentas páginas para ler». Mas não disse. Levantei-me, presa duma felicidade estranha em quem se dirige à sala de torturas, ao tempo que arrancava a imaginação da letra bonita do Carteiro:

—estudei no tempo de antigamente —sorria o Carteiro com o lábio inchado— levei muita porrada na escola para desenhar bem as letras

terça-feira, 25 de março de 2014

(...)

Nunca tão mal que não haja pior
(ditado minhoto)

domingo, 16 de março de 2014

sábado, 15 de março de 2014

O homem que pensa uma janela


Pentagrama en branco

Abro as fiestras de mañá cedo
para sentir a alba debullar a vida
entre liñas de luz e silencio.

terça-feira, 25 de fevereiro de 2014

sexta-feira, 14 de fevereiro de 2014

Nós-outros

Quixera saber se agora instalarán concertinas nas fronteiras con Suíza, se nos lanzarán balas de goma (sen escusas nin mares que auguen os eufemismos), se os europeos pobres acabaremos, por ousar soñar cunha vida mellor no país do chocolate, convertidos nun "acontecemento dos últimos días", cun simple número sobre un cadaleito made in China.

sábado, 8 de fevereiro de 2014

Muller enferma, muller eterna

Non hai forma de dar morrido. Antes era todo moito máis sinxelo: a xente ou morría de cólico miserere ou de repente. De morte matada ou de morte morrida. E en paz. Mais agora a ciencia complicounos a vida de tal xeito que un non sabe de que ha de espichala ou como, tal é a gama de doenzas e alifafes que nos poden escoller como destino derradeiro. Vén isto a conto de que xoves pasei pola consulta de Hematoloxía. Nada máis entrar no despacho, pola cara da médica, xa vin que o asunto non tiña marcha atrás. O TAC e as análises de sangue confirmaban a falta de diagnóstico: estaba curada e recibía oficialmente a alta. E todo isto, que parece tan bonito, espetado a queimarroupa, sen anestesia nin asistencia psicolóxica, sen o auxilio de ansiolíticos ou antidepresivos, entre catro paredes brancas e o resplandor branco dun tubo fluorescente.

Explícome. Houbo un tempo en que a vertixinosa diminución de eritrocitos me obrigaba a coller folgos para dar un paso ou me tollía a fala por falta de alento, en que as suores nocturnas me acordaban e as febres intermitentes me durmían, em que os elevados niveis de cobre en sangue me facían presa dos ollos cobizosos dos ferrancheiros. Pero despois de dez anos estendendo brazos e corpo ante enfermeiros e auxiliares varios para maior gloria dos estudos clínicos avanzados, disque, xa non vou morrer por causa do linfoma de Hodgkin. Non me cabe dúbida de que isto supón un alivio para os que me sobrevivan, que xa non van ter que recorrer a malabarismos vocais ou buscar o puto nome na wikipedia cando citen as causas do meu óbito inevitable nos ensaios incisivos sobre a miña obra inédita, nas homenaxes condecorativas con aparellaxe dourada e discursos laudatorios póstumos.

Porén, eu non encontro alivio ningún nesta sentenza absolutoria. Xa vai por tres veces que me apaña unha doenza mortal que non dá cabo de min. Sobrevivo moi a pesar de canto virus, bacteria ou proliferación celular anómala se emperra en invadirme. E agora voume ter que enfrontar, de novo, ao desacougo inconsistente da vida, así, en frío, e a un abano extensísimo de enfermidades que talvez tampouco consigan mandarme á pataqueira.

sexta-feira, 24 de janeiro de 2014

E máis do mesmo

Editorial Galaxia e a Real Academia Galega presentan a tradución do:

ULISES
de James Joyce

No acto participarán Carlos Lema, en representación da Editorial Galaxia, os tradutores María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, Antonio de Toro, catedrático de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña e presidente do Instituto Universitario de Investigación de Estudos Irlandeses. Cerrará o acto o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero

O acto celebrarase este venres 24 de xaneiro ás 19.30 horas, na sede da RAG (Tabernas, 11 de A Coruña).

Estaremos moi honrados de contar coa súa presenza.

quarta-feira, 25 de dezembro de 2013