quinta-feira, 31 de agosto de 2023

Cacao

Escribiume yvonne yvonne benefíciese de la donación e eu reloucaba de contento e non só pola exquisita rima. A coitada da remitente padecía un cancro terminal que viña sendo, segundo o seu médico, «una bala en la jaula (sic) del cerebro» e era evidente xa andaba a causar estragos nel. Para máis desgrazas perdera o marido como quen perde as chaves nun depósito de ferralla e non puidera volver casar, que tampouco sei que ten iso de malo, pero igual viña da complicación de que ao perdelo non o podían dar por morto (debiches envelenalo e punto, yvonne yvone) ou que sei eu. Total que a yvonne yvonne, que logo resulta que non era tal, xa dicía eu que era pola rima (téñenme pillada a agulla de marear), pois asinaba como Cathérine Thérèse, que non rima máis que con interese pero tamén é un nome ben eufónico, ou se cadra é que se lle borrara da memoria co aquel da doenza o nome auténtico, que o de lembrar se un palabro vai con y ou con i ou con dous enes ou cun só debe de ser tremendo cacao mental cando se ten unha gaiola de cerebro, que é un recipiente con barrotes que deixan entrar as correntes de aire, co malas que son, e unha se dedica á importación e exportación do devandito (de cacaos, non de cerebros) con negocios nunha chea de países polo mundo adiante, a yvonne yvonne ou a quen fose, dicía, dáballe eu máis pena, peniña, pena que ela mesmísima, co marido perdido e sen fillos ningúns que empapuzar de cocacolas e gusanitos ou mandar a facer másteres de economía de empresas de cacao e íame doar pola miña cara bonita unha bonita suma con varios ceros porque tampouco era cousa de que quedase o Estado coa pasta gansa, co ben que isto último lle faría para a alma e non tanto citar a Biblia para lles engaiolar a outros o cerebro.