sexta-feira, 23 de abril de 2021

Non nos está permitido








Levo sempre un libro na mochila. Nesta ocasión, ocasión festiva, acompañábame Los viejos creyentes de Vasili Peskov (Impedimenta, 2020) na impecable tradución da queridísima Marta Sánchez-Nieves. Abrino mentres agardaba na fila. Quedábanme poucas páxinas por ler. A señora, entón, arrimóuseme e volvinme para ela indignada. Díxenlle que había que manter as distancias. Ela balbuciu unhas desculpas, que quería ler o cartel. O cartel estaba a cen metros de nós, non o ía ler mellor pegada a min. En realidade o que me molestou non foi que se me botase enriba. Molestoume que me interrompese a lectura. A fila empezou a moverse.

Terminei de lelo despois de recibir a primeira dose da vacina. Sentada na cadeira os quince minutos de rigor á espera de reaccións adversas, transporteime desde a nave do IFEVI á despedida da taiga siberiana. Algures hai voces aínda que claman coma os vellos crentes que foxen do mundo: «Мы не имеем права» («Non nos está permitido»).