sábado, 22 de fevereiro de 2020

Sementar sementarei

Teño cincuenta e oito anos aquí onde me vedes (si, xa sei que se me botan algúns máis, pero quen os pillara, como dixo o defunto), ningún futuro e menos fillos. Poderiades pensar que o planeta ―representado polo cacho de terra no que decidín vivir e ata que me farte― me importa un farrapo mollado de gaita. Porén (como me gusta a solemnidade deste palabro!), raro é que cando saio da casa non recolla algún que outro exemplar da especie invasora autóctona Lixus vulgaris (plasticus spp., mormente) co que me topo polo camiño e o deposite no centro de recuperación de residuos urbanos máis próximo. Ás veces incluso ármome de saco e luvas e vou de cazaría. Coma onte. Ía eu tralarí tralará polo río limpando a miña-casiña-meu-lar-que-é-o-mundo tan contenta cando me crucei cun home que me deu as grazas. E máis adiante funme encontrando con outras varias persoas que tamén paseaban e me sorriron. E pensei para os meus adentros, porque son medio parva e confórmome coas cousas simples, que xa só por iso pagaba a pena. E agora a ver se o exemplo inza.