Falan pola radio de que a Podemos o PSOE lle concedería carteiras sen importancia. Nin Xustiza nin Interior nin Facenda nin Exteriores… E fan o chiste: «Cultura!», di un. «Cultura e Pesca», engade outro. O terceiro, crava o estoque: «E Medio Rural!» He, he. Esmendréllanse eles. Ese é o nivel. Esa é a consideración do que é importante e o que non alí onde se corta o bacallau. Veremos cando non haxa bacallau que cortar.
(Seguimos sen novas do rapto de Europa. O barullo do Brexit non terá algo que ver con este silencio espeso? E o de aí ao lado, Cataluña, creo que se chama?)
quinta-feira, 23 de maio de 2019
O rapto de Europa
E eu pregunto(me), non é por nada, só por ver se estou confundida ou se non, esta fin de semana que vén hai ou non hai eleccións europeas? Porque calquera diría que non, que a papeleta azul (boto en falta unha papeleta rosa perfumada) é só un erasmus para adultos.
A grandes males
Dígovos que soño con ter un choio de horario fixo de sete a tres, pagas extraordinarias, fins de semana e festivos libres, vacacións pagas. Tamén vos digo, xa o tiven e non o aturei: a depresión dos luns e o síndrome posvacacional acababan comigo.
domingo, 19 de maio de 2019
Repenicar e dicir misa
Que frustrante. Acabo de ter unha ocorrencia sensacional que pensaba escribir aquí e, ala, aparéceme unha gralla no texto que estou a revisar. Corríxoa e, contra!, esqueceume a ocorrencia sensacional. En que raio andaría eu a pensar?!
sábado, 18 de maio de 2019
De fitos a chitos
É indigno, en verdade vos digo, dun país coma o noso, no que tanta xente morreu e matou por un déixame estar quieto ese marco, que aparezan agora leiras e veigas delimitadas por chitos, varas esqueléticas, mormente de arcolito, coroadas por rechamantes envases de plástico e tetrabriks. Máis vos valía aprender a marcar territorio coma os cans!
#deverlixonocampoataasorellas
#deverlixonocampoataasorellas
quarta-feira, 8 de maio de 2019
Experiencias extrasensoriais
Se algunha vez metestes no microondas unha caneca coa intención de ferver a auga que non estaba no seu interior, sabedes do que vos falo.
(Supoño que o detalle de que a colocase boca baixo só interesa de cara ao futuro que me espera… aí xa á volta da esquina.)
(Supoño que o detalle de que a colocase boca baixo só interesa de cara ao futuro que me espera… aí xa á volta da esquina.)
quarta-feira, 1 de maio de 2019
Sinopse
Levo tempo (case desde a adolescencia) a cavilar en escribir as miñas memorias. Teño que recoñecer que se non me poño mans á obra é porque, un día por outro, nunca me acordo. Pero antes de morrer ao máis tardar, póñome. Ao cabo, a pouco que invente, en medio folio despáchoas.
Subscrever:
Mensagens (Atom)