sexta-feira, 7 de outubro de 2016

Crueldade animal

Total, que vai o tío e espeta, así, en seco, pola radio, sen que ninguén o chamase (de feito, foi el quen chamou), que é unha crueldade alimentar un can con bólas secas. A unha (eu, coma quen di) fáiselle un bolo (seco) na gorxa e pensa nas criaturiñas, infelices elas, que ten ao seu cargo, en se poderei seguir durmindo coa conciencia tranquila, sometendo un día tras outro, dúas veces ao día (nótese), as infelices, criaturiñas elas, coas que comparte eido e, horror dos horrores, á crueldade without borders das bólas secas, e xa se ve (véxome) na praza, mercando produtos frescos de calidade (como?! que non ten o solombo ecolóxico?!) e embutida entre perolos na cociña, preparando menús e dietas equilibradas, nun sen vivir de vapores e pesas e medidas... para facer felices as NOVE infelices criaturiñas NOVE (nunca entendín por que nos carteis das corridas -con perdón- sempre duplicaban o número de touros sometidos a trato cruel pero aquí non imos ser menos) que neste momento están deitadas ao sol mentres eu lle dou á tecla para gañar... para bólas secas.

_______________

O dito, mañá bisté de croca con feixóns verdes e cachelos cocidos, regados con aceite de oliva (virxe e extra). De sobremesa pastel de medula de óso do fémur de vaca criada con música barroca e pastos verdes e extensos ata onde a vista se perde no horizonte. Se alguén se apunta, que avise antes da sete de mañá, que saio pola calada a matar a vaca, antes que amañeza. É isto ou cargar con esa culpa ás costas en forma de croqueta (tamén chamada bóla seca) de Sísifo.

quinta-feira, 7 de abril de 2016

Precipitado

a imaxe: o corpo suspendido no ar

                     nada

o son: o corpo ao bater na auga