quarta-feira, 14 de janeiro de 2015

O cuarto de baño ou o aquecemento mundial

A última vez que estiven cosendo marexadas
lembreime do buraco que deixara o naufraxio
A escuma do champaña escondera
              unha agresión deliciosa
              unha percusión rosada
                                       ronselada
              saloucando entre virxindade e anémonas
Embriagados
              desfixémo-las redes cunha marea de dentes.

Elías Portela. Cos peitos desenchufados. Barbantesa. 2010

Chegou a hora de sinalar o culpable. Chegou a hora de delatalo ás escuras e pola calada con nomes e apelidos, nin que sexan inventados. É el, Elías Portela, inquilino das penumbras tan nórdicas coma os edredóns de pato exquisito e desplumado. É el o devandito presunto de tanto desxeo nos mares outrora brancos, do escurecemento da parte máis verde da aurora boreal, da perda de insepulta graxa incorpórea en focas varias e morsas azuladas, da caída de algún pelo branco ca outro nos osos máis achatados polos polos a prol dos niños de aves bastante nocturnas. Elías Portela edifica caixas de palabras para limparse por dentro e refulxir sen-tento como se fose o osíxeno activo purificador de cuartos de baño unha vez por semana. Elías Portela emana luz da pel transparente, calor da voz cítrica, CO2 de ambos os dous pulmóns. Como non acusalo da erosión dos glaciares, da transxenerosidade das raposas, do solpor eternificado, da invasión de mareas mínimas de bágoas ou dentes en costas abruptas e montañas en xeral?

Despoxo

Cada mañá
apenas esperto
retiro
cunha lámina extrafina
o pouco de bo
que vai quedando en min.
Enfundo logo un manto de rancor
e mais outro de resentimento
sobre a pel ulcerada
e déitome nun caixón de sombras
para enganar o día,
entre as mans cruzadas unha candea
apagada (para non gastar, mormente).

segunda-feira, 12 de janeiro de 2015

Non hai lapis para tanto morto

Quen chora os sen nome? Quen chora a nena que rebentou o corpo nun mercado de Maidiguri? Quen chora os dous mil mortos de Baga? Quen chora os bombardeados, os violados, os secuestrados, os vendidos e os comprados? Quen chora os encerrados? Quen chora os náufragos? Quen chora os cadáveres secos ao sol do deserto? Quen chora os parias, os desterrados, os exilados, os desprezados, os explotados?
Quen chora os que nin sequera aparecen nun recanto mínimo do xornal? Atentado á cultura occidental?! Non me fagan rir, que se me entala a queixada.

quarta-feira, 7 de janeiro de 2015

Ninguén no paraíso

Cando se fechan as portas
o paraíso vira o corredor
polo que transitan tristes
coma ninguén os rexeitados.

Ninguén ouve as garzas
grallar sobre as augas lóbregas
do río infindo. Ninguén ve o bater
de ás co que os patos orden
o estrépito das sombras.
Cando se fechan as portas
ninguén avanza na néboa
que envolve a pel cun cobertor
glacial de lágrimas mínimas.
O camiño do paraíso é un corredor
incerto. Ninguén perde nel
a voz: non hai ouvidos
que escoiten alén dos
muros grises que o cercan.

Cando se fechan as portas,
o paraíso vira ausencia e
noite onde os desterrados
coma ninguén habitan.

terça-feira, 6 de janeiro de 2015

Ao lonxe

Medra fóra un silencio denso
e o nada, voraz, inza en min.