terça-feira, 25 de fevereiro de 2014

sexta-feira, 14 de fevereiro de 2014

Nós-outros

Quixera saber se agora instalarán concertinas nas fronteiras con Suíza, se nos lanzarán balas de goma (sen escusas nin mares que auguen os eufemismos), se os europeos pobres acabaremos, por ousar soñar cunha vida mellor no país do chocolate, convertidos nun "acontecemento dos últimos días", cun simple número sobre un cadaleito made in China.

sábado, 8 de fevereiro de 2014

Muller enferma, muller eterna

Non hai forma de dar morrido. Antes era todo moito máis sinxelo: a xente ou morría de cólico miserere ou de repente. De morte matada ou de morte morrida. E en paz. Mais agora a ciencia complicounos a vida de tal xeito que un non sabe de que ha de espichala ou como, tal é a gama de doenzas e alifafes que nos poden escoller como destino derradeiro. Vén isto a conto de que xoves pasei pola consulta de Hematoloxía. Nada máis entrar no despacho, pola cara da médica, xa vin que o asunto non tiña marcha atrás. O TAC e as análises de sangue confirmaban a falta de diagnóstico: estaba curada e recibía oficialmente a alta. E todo isto, que parece tan bonito, espetado a queimarroupa, sen anestesia nin asistencia psicolóxica, sen o auxilio de ansiolíticos ou antidepresivos, entre catro paredes brancas e o resplandor branco dun tubo fluorescente.

Explícome. Houbo un tempo en que a vertixinosa diminución de eritrocitos me obrigaba a coller folgos para dar un paso ou me tollía a fala por falta de alento, en que as suores nocturnas me acordaban e as febres intermitentes me durmían, em que os elevados niveis de cobre en sangue me facían presa dos ollos cobizosos dos ferrancheiros. Pero despois de dez anos estendendo brazos e corpo ante enfermeiros e auxiliares varios para maior gloria dos estudos clínicos avanzados, disque, xa non vou morrer por causa do linfoma de Hodgkin. Non me cabe dúbida de que isto supón un alivio para os que me sobrevivan, que xa non van ter que recorrer a malabarismos vocais ou buscar o puto nome na wikipedia cando citen as causas do meu óbito inevitable nos ensaios incisivos sobre a miña obra inédita, nas homenaxes condecorativas con aparellaxe dourada e discursos laudatorios póstumos.

Porén, eu non encontro alivio ningún nesta sentenza absolutoria. Xa vai por tres veces que me apaña unha doenza mortal que non dá cabo de min. Sobrevivo moi a pesar de canto virus, bacteria ou proliferación celular anómala se emperra en invadirme. E agora voume ter que enfrontar, de novo, ao desacougo inconsistente da vida, así, en frío, e a un abano extensísimo de enfermidades que talvez tampouco consigan mandarme á pataqueira.