sábado, 18 de agosto de 2018

Nada se perde

E así levo nin sei os días. Desapareceu o crebanoces. Fose eu escritora insigne e morta, escribiría un conto fermoso para que un compositor máis insigne pero igual de morto crease sobre el unha música danzable. Pero non. Son nada máis un ser humano racional desconcertado á procura do cascanoces perdido. Xa revirei a casa de arriba abaixo. Remexín en caixóns, lacenas, gardarroupas e ata na neveira e no caldeiro do lixo. Nin rastro. E así, cada noite ao rematar a cea, mentres escacho a ración anticolesterólica de noces violentamente coa man dun morteiro, esculco, entre golpe e golpe, nos obxectos circundantes un indicio, por leve que sexa, que me corrobore a veracidade da lei da conservación da materia.